martes, 20 de enero de 2026

Ficha 4

A profesora María Deseada Cerqueiro, na materia de Física e química e a profesora Ana Lorenzo, na materia de Lingua e Literatura galega, traballaron a ficha 4.

Os obxectivos desta ficha son os seguintes:

• Potenciar a convivencia respectuosa e harmónica entre os sexos na súa diversidade. 
• Contribuír á eliminación de calquera tipo de discriminación por cuestión de identidade e/ou orientación. 
• Favorecer a comprensión dos conceptos de identidade e orientación por parte do alumnado.

No marco da aula desenvolvemos unha procura fundamental para o alumnado adolescente: que é o amor? que mitos son asociados ao amor romántico?
Co obxectivo de deconstruír os modelos tóxicos, crear relacionamentos positivos e contribuír ao feminismo e igualdade entre xéneros, utilizamos a bibliografía dispoñible para elaborar unha exposición sobre temáticas que atinxen ao anterior.
Ligado á materia de Lingua Galega e Literatura a través da oralidade e os usos responsables das redes de información, o alumnado foi quen de autorregular a súa aprendizaxe, procurar e debatir, en pequenos grupos, sobre as cuestións de amor romántico.
O resultado foi positivo. Malia presentar certas reticencias ao inicio (houbo nenos e nenas que consideraron a temática redundante, ou mesmo contraria ás crenzas sociais que manifestaban nun inicio) foi unha actividade que obtivo unha boa acollida.

No resto de ideas do texto, algúns alumnos rexeitaron a idea de que a parella deba ser “sempre a prioridade fronte a outras persoas”, porque iso pode afastar dos amigos, da familia ou dos hobbies, e consideraron máis san ter un equilibrio entre a relación e o resto da vida.
 Respecto á frase de que “na parella non debe haber segredos”, moitos matizaron que a confianza é esencial, pero que cada persoa ten dereito ao seu espazo persoal e a non contar absolutamente todo, sempre que non se minta nin se engane. 

Sobre a idea de que “se queres á túa parella tes que estar con ela cando ten un problema”, a maioría estivo de acordo en que nunha relación hai que apoiar nos momentos difíciles, pero sen asumir todas as responsabilidades da outra persoa nin deixar de coidarse un mesmo. 

Finalmente, ante a afirmación de que “a parella ten que saber en cada momento o que precisas”, os estudantes sinalaron que ninguén é adiviño: é preciso falar, expresar como se sente cada quen e negociar, porque, se se espera que a outra persoa lea sempre a mente, xorden frustracións e malentendidos. 

En conxunto, a clase foi concluíndo que moitos mitos do amor romántico —a media laranxa, o amor para sempre pase o que pase ou a idea de que sufrir por amor é normal— poden levar a relacións desiguais e pouco respectuosas, e que é máis saudable pensar no amor como unha relación entre dúas persoas libres, igualitarias e responsables do seu propio benestar.

Ficha 3

 

Os obxectivos desta 3ª ficha son os seguintes:


- Potenciar a convivencia respectuosa e harmónica entre os sexos na súa diversidade. 
- Contribuír á eliminación de calquera tipo de discriminación por cuestión de identidade e/ou         orientación sexual. 
- Favorecer a comprensión dos conceptos de identidade e orientación por parte do alumnado.

Esta ficha foi impartida polas profesoras Eva Vérez Cotelo , profesora de Educación Plástica e Visual nos cinco grupos de 3º. 

Comenzouse coa visualización do vídeo "¿Qué es la orientación sexual? Explicación fácil" Video, no que se explica a diversidade sexual partindo da idea de que o ser humano é un ser sexuado (con órgano sexual) e aclarando os conceptos máis importantes: sexo biolóxico, identidade sexual, orientación do desexo ou orientación sexual e expresión de xénero. 

Trala visualización do vídeo, puxéronse en común todas as dúbidas creando así un debate moi produtivo e interesante para o alumnado, posto que non tiña clara a diferenza entre os diversos conceptos nin a relación existente entre eles.  
Un porcentaxe moi baixo 2% do alumnado mostrou o seu desagrado polo tema e a creencia en que se lles estaba "adoctrinando". Traballouse na idea fundamental que extraemos deste vídeo é o respecto á diversidade. 

Posteriormente, visionouse “Love has no labels”, vídeo onde distintos esqueletos humanos amosan os diversos tipos de amor. Fíxose de forma conxunta unha recopilación dos distintos amores que recoñecemos e reflexionamos sobre os inexistentes límites do amor. 
 Finalmente, cós conceptos establecidos e a colaboración de Eva Vérez, e Paula Lagares o alumnado adicou dúas sesións a crear carteis que amosan respecto cara a diversidade sexual.



  





Segue os links




Instrucións: 

Imos deseñar unha imaxe con  collage /técnica mixta. 
Fai un debuxo preliminar (nunha folla A3)
Hai que pensar un título sobre diversidade / non discriminación 
Empregando  diferentes texturas as encolaremos sobre o noso debuxo.
Ideas 


Visualizando os vídeos nos diferentes grupos
Traballando a ficha nos diferentes grupos




E xa temos os traballos 





























Ficha 2

O profesor Xosé Nieto Castro e a profesora Virginia González Ferro, ambos docentes de Xeografía e Historia, traballaron a ficha 2 na aula cos diversos grupos de 3º da ESO. 

Os obxectivos desta ficha son:

  • Contribuír aos procesos de sexuación da mocidade dun xeito positivo. 

  • Achegar e clarificar conceptos relacionados co feito sexual humano. 

  • Ampliar a visión da sexualidade no alumnado que favoreza actitudes e condutas saudables e respectuosas. 

  • Abrir unha canle de comunicación co profesorado respecto das dúbidas referentes á sexualidade que haxa na aula.

As cuestións principais que os rapaces e rapazas salientaron foron as seguintes:

  • Identidade sexual: unha persoa pode ter a identidade sexual que desexe sen que iso supoña ningunha "anomalía".

  • Do mesmo xeito, calquera é libre de sentir atracción por persoas de calquera identidade sexual.

  • Importancia do emprego dos métodos profilácticos para evitar transmisión de ITS e outras consecuencias non desexadas que poidan ter drásticas consecuencias sobre a vida das persoas (embarazos, etc.).

  • Extrema-la precaución respecto das ITS. Se alguén nota algo "raro" respecto do seu corpo, mellor ir ao médico canto antes. Importancia de facerse revisións médicas frecuentes.

  • Importancia da cuestión da privacidade persoal e moito coidado ca información que se comparte a través de redes sociais ou aplicacións de mensaxería.

  • Os perigos das tecnoloxías da información e da comunicación. Cómpre ter moito coidado con quen te relacionas, sobre todo a través de internet.

  • A artificialidade da pornografía. Non confundir ficción con realidade. Un produto de entretemento non é o mesmo que un produto educativo.

  • A cuestión da idade de consentimento sexual e os dilemas do paso da adolescencia á vida e o mundo dos adultos.

Foron unhas sesións moi completas e houbo un diálogo aberto nos grupos.






sábado, 20 de diciembre de 2025

A senda do coñecemento. Instalación

 

  








A Senda do Coñecemento 

A Instalación Plástica como Propulsor da Lectura no IES Eusebio da Guarda

No Instituto de Educación Secundaria Eusebio da Guarda da Coruña, o alumnado de Plástica de 1º de Bacharelato desenvolveu unha actividade que transcende o puramente artístico. Esta iniciativa enmárcase de forma explícita nunha campaña estratéxica para a promoción da lectura e o fomento da literacidade entre toda a comunidade educativa.

A acción non constitúe un traballo de fin de curso, senón unha intervención activa que utiliza a arte da instalación como dispositivo pedagóxico. O lugar escollido, o vestíbulo de entrada do centro, un espazo de tránsito cotián, foi transformado nunha área de estímulo intelectual e contemplación.

Ao adoptar a instalación como medio —un xénero que establece un diálogo intenso co espazo e o observador— o proxecto conecta coa tradición de artistas insignes. O traballo evoca a dimensión conceptual e social da arte en mestres como Joseph Beuys, ao dotar obxectos e materiais cotiáns dunha nova carga simbólica e reflexiva. As pezas buscan crear un campo de enerxía que incite á pausa e á meditación, elementos esenciais para o acto lector.

Unha das características máis salientables desta obra reside no seu carácter efémero e participativo, logrado mediante o uso de libros procedentes do expurgo da biblioteca do centro. Estes volumes, destinados a ser retirados do fondo bibliográfico, constitúen a propia materia prima da instalación. O alumnado empregou o material de refugallo para crear unha obra que invita explicitamente a que as persoas que o desexen leven consigo os exemplares, nun acto de apropiación directa non só do texto, senón tamén da propia obra artística.

o alumnado soubo conferir novos significados a elementos cotiáns e, singularmente, ao libro como artefacto, transformando o locus nunha área de poiesis. As súas obras non son só composicións visuais; son campos de enerxía onde o texto, o silencio e a crítica social son palpables.

Así mesmo, a forma en que as instalacións demandan unha resposta activa e a presenza corpórea do público —como se observa na performance art de figuras como Marina Abramović— é empregada aquí para romper a pasividade ante a rutina. 

En esencia, esta actividade demostra a madurez reflexiva coa que o alumnado artellou unha simbiose entre a estética e a didáctica. Cada composición é un enunciado conceptual deseñado para elevar o libro e a lectura á categoría de obxecto central de interese, empregando a potencia visual da arte contemporánea como catalizador da inquedanza intelectual e permitindo ao tempo que cada participante redefina a posesión e o valor da creación.

Instalación concibida e realizada por Norah Couselo, Teo Galiñanes, Carmen Arbones, Vicky Taboada, Alicia López e Carmen Cuba, empregando papel e libros procedentes do expurgo da biblioteca do centro, no mes de novembro de dous mil vinte e cinco.

martes, 25 de noviembre de 2025

25 N

Ficha 1Curso 25-26

E qué é isto....


  •  Os centros Quérote+ e o seu servizo de consultoría, INFORMACIÓN E ASESORAMENTO.
  • De que vai o noso proxecto 

Eva Vérez  e Paula , profesoras de Educación Plástica V e AU

curso 25-26

Para o curso 3ºESO  

Traballaranse en diferentes materias ao longo do curso

Lingua castelá e literatura, Bioloxía e xeoloxía, Inglés, Lingua e literatura galega, Educación Física e Xeografía e historia e Educación Plástica visual e audiovisual

Tedes aceso  ao noso proxecto a través de:

https://www.edu.xunta.gal/centros/ieseusebioguarda/

https://querotemaisdeleusebio.blogspot.com/

É un proxecto da

 




FICHA 1

PRESENTACIÓN DO RECURSO QUÉROTE+

Profesora:  Eva Vérez 

Materia Educación Plástica Visual e Audiovisual 


Que é Quérote+?
 
Os centros Quérote+ pertencentes á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e
Voluntariado son un recurso público de información e asesoramento para a
mocidade. Os mozos e mozas poden realizar as súas consultas de forma
confidencial e anónima ao equipo de profesionais de Quérote+ a través das
diferentes vías de contacto, nas temáticas de sexualidade, prevención do consumo
de substancias, convivencia, uso das TIC e imaxe corporal e autoestima
Vías de consulta:
 Consultoría presencial e telefónica

 

Quérote+ A Coruña

 Avd. Linares Rivas ,28 8º
 Teléfono: 981 223 913

Quérote+ Lugo

Complexo Xuvenil LUG II, Rúa Pintor Corredoira, 4
Teléfono 982 241 732

Quérote+ Ourense

Casa da Xuventude - Rúa Celso Emilio Ferreiro, 27 4º
Teléfono 988 231 740

Quérote+ Vigo

Rúa da Ferrería, 41
Teléfono 986 095 977

Quérote+ Santiago

Rúa Ramón Piñeiro, 19
Teléfono 881 997 613

 

Ademais...

 Consultoría a través da páxina web http://xuventude.xunta.es/querote-mais
 Consultoría a través de Whatsapp e Telegram 647 018 752
 Consultoría a través de videochamada a través de Whatsapp e Skype
querotemais.videochamada


Obxectivos DA FICHA 1 

Dar a coñecer os centros Quérote+ e o seu servizo de consultoría, INFORMACIÓN E ASESORAMENTO.
Actividade


ÁREA DE CONSULTAS
Para acceder ás consultas en liña hai que premer no cadro “Formula a túa dúbida”.




FORMULARIO DE CONSULTAS
Todas as consultas son anónimas e confidenciais. Os datos solicitados no formulario son de carácter estatístico. Para realizar unha consulta é preciso cubrir os campos (que teñen asterisco) e redactar a pregunta. Ao final aparece un código que terá que ser gardado, xa que é a clave de acceso que se solicitará para acceder á resposta.
As dúbidas resolveranse nun prazo de 48 horas (sen contar fins de semana e/ou festivos). Para acceder á resposta haberá que premer no cadro “Resposta á túa dúbida” que nos levará a un novo formulario para introducir o código específico da consulta.
Os contidos que figuran na internet non sempre son verídicos e científicos, polo que é importante potenciar o espírito crítico para que as achegas sexan o máis positivas e produtivas posibles e dar a coñecer recursos profesionais e científicos nos que poder consultar dúbidas. 

Cando buscamos información en internet  debemos  cuestionar quen está detrás desas respostas e en que medida e situacións determinadas damos por válidas esas respostas .





Información procedente de 



Poñendo a Ficha 1 en Práctica  nos distintos grupos