martes, 20 de enero de 2026

Ficha 5



Gonzalo Garea, profesor de Educación Dixital, traballou a ficha 5 
"A relación dos sexos a través da tecnoloxía" có alumnado de 3º da ESO.
Esta actividade pretende alcanzar os seguintes obxectivos:

• Potenciar a actitude crítica e reflexiva na toma de decisións. 
• Posibilitar un uso da tecnoloxía dun xeito responsable e positivo. 
• Reflexionar sobre o uso da tecnoloxía nas relacións persoais. 

Trala visualización de varios videos relacionados coa temática, o profesor amosou 
unha presentación que recollía en cada diapositiva unha situación coa intención de 
promover o debate:



As situacións presentadas deron pé a debates moi interesantes 
que permitiron traballar en profundidade os contidos da ficha e
chegar aos obxectivos fixados.

Ficha 4

A profesora María Deseada Cerqueiro, na materia de Física e química traballou a ficha 4.

Os obxectivos desta ficha son os seguintes:

• Potenciar a convivencia respectuosa e harmónica entre os sexos na súa diversidade. 
• Contribuír á eliminación de calquera tipo de discriminación por cuestión de identidade e/ou orientación. 
• Favorecer a comprensión dos conceptos de identidade e orientación por parte do alumnado.

Ficha 4 - QUÉROTE+

No marco da aula desenvolvemos unha procura fundamental para o alumnado adolescente: que é o amor? que mitos son asociados ao amor romántico?
Co obxectivo de deconstruír os modelos tóxicos, crear relacionamentos positivos e contribuír ao feminismo e igualdade entre xéneros, utilizamos a bibliografía dispoñible para elaborar unha exposición sobre temáticas que atinxen ao anterior.
Ligado á materia de Lingua Galega e Literatura a través da oralidade e os usos responsables das redes de información, o alumnado foi quen de autorregular a súa aprendizaxe, procurar e debatir, en pequenos grupos, sobre as cuestións de amor romántico.
O resultado foi positivo. Malia presentar certas reticencias ao inicio (houbo nenos e nenas que consideraron a temática redundante, ou mesmo contraria ás crenzas sociais que manifestaban nun inicio) foi unha actividade que obtivo unha boa acollida.
O alumnado de 3º da ESO E iniciou a sesión vendo o vídeo da canción “Love the Way You Lie” de Eminem con Rihanna, que fala dunha relación chea de violencia, control e dor emocional. Moitos rapaces comentaron que lles parecía unha historia de “mal amor”, porque nunha relación xa non deberían existir golpes, insultos nin ameazas, e que lles chamaba a atención que a letra normalice que “guste” a dor, cando para eles o amor debería significar apoio, respecto e benestar.

Algúns relacionaron o vídeo coas chamadas relacións tóxicas e dixeron que, se unha parella fai dano físico ou psicolóxico, o mellor é pedir axuda e rematar con esa relación, por moito que custe.

A partir de aquí, traballouse o texto sobre o modelo de amor romántico e as frases a)–g). Varios estudantes opinaron que a “media laranxa” existe porque ás veces hai persoas coas que se sente unha conexión especial, como se se encaixase á perfección, e incluso comentaron que “por estadística” ten que haber alguén moi compatible con cada quen.

Outros, pola contra, defenderon que non hai unha persoa perfecta predestinada, senón moitas persoas coas que se pode construír unha relación, e que pensar que só existe unha media laranxa pode provocar dependencia e medo a estar só. 

Sobre a idea de que “se hai amor é para toda a vida” e que “as parellas que funcionan non teñen conflitos”, apareceron opinións moi diversas: un grupo dixo que, se hai respecto, comunicación e cariño, é posible estar xuntos sempre, buscando solucións falando e chegando a acordos; outro grupo insistiu en que nada é para sempre, que as persoas cambian e que ás veces o máis san é separarse aínda que siga habendo afecto. 

Tamén houbo quen comentou que “antes a xente aguantaba máis” por presión social ou económica, pero que iso non sempre significaba mellores relacións.

No resto de ideas do texto, algúns alumnos rexeitaron a idea de que a parella deba ser “sempre a prioridade fronte a outras persoas”, porque iso pode afastar dos amigos, da familia ou dos hobbies, e consideraron máis san ter un equilibrio entre a relación e o resto da vida.
 Respecto á frase de que “na parella non debe haber segredos”, moitos matizaron que a confianza é esencial, pero que cada persoa ten dereito ao seu espazo persoal e a non contar absolutamente todo, sempre que non se minta nin se engane. 

Sobre a idea de que “se queres á túa parella tes que estar con ela cando ten un problema”, a maioría estivo de acordo en que nunha relación hai que apoiar nos momentos difíciles, pero sen asumir todas as responsabilidades da outra persoa nin deixar de coidarse un mesmo. 

Finalmente, ante a afirmación de que “a parella ten que saber en cada momento o que precisas”, os estudantes sinalaron que ninguén é adiviño: é preciso falar, expresar como se sente cada quen e negociar, porque, se se espera que a outra persoa lea sempre a mente, xorden frustracións e malentendidos. 

En conxunto, a clase foi concluíndo que moitos mitos do amor romántico —a media laranxa, o amor para sempre pase o que pase ou a idea de que sufrir por amor é normal— poden levar a relacións desiguais e pouco respectuosas, e que é máis saudable pensar no amor como unha relación entre dúas persoas libres, igualitarias e responsables do seu propio benestar.

Ficha 3

 

Os obxectivos desta 3ª ficha son os seguintes:


- Potenciar a convivencia respectuosa e harmónica entre os sexos na súa diversidade. 
- Contribuír á eliminación de calquera tipo de discriminación por cuestión de identidade e/ou         orientación sexual. 
- Favorecer a comprensión dos conceptos de identidade e orientación por parte do alumnado.

Esta ficha foi impartida polas profesoras Eva Vérez Cotelo , profesora de Educación Plástica e Visual nos cinco grupos de 3º. 

Comenzouse coa visualización do vídeo "¿Qué es la orientación sexual? Explicación fácil" Video, no que se explica a diversidade sexual partindo da idea de que o ser humano é un ser sexuado (con órgano sexual) e aclarando os conceptos máis importantes: sexo biolóxico, identidade sexual, orientación do desexo ou orientación sexual e expresión de xénero. 

Trala visualización do vídeo, puxéronse en común todas as dúbidas creando así un debate moi produtivo e interesante para o alumnado, posto que non tiña clara a diferenza entre os diversos conceptos nin a relación existente entre eles.  
Un porcentaxe moi baixo 2% do alumnado mostrou o seu desagrado polo tema e a creencia en que se lles estaba "adoctrinando". Traballouse na idea fundamental que extraemos deste vídeo é o respecto á diversidade. 

Posteriormente, visionouse “Love has no labels”, vídeo onde distintos esqueletos humanos amosan os diversos tipos de amor. Fíxose de forma conxunta unha recopilación dos distintos amores que recoñecemos e reflexionamos sobre os inexistentes límites do amor. 
 Finalmente, cós conceptos establecidos e a colaboración de Eva Vérez, e Paula Lagares o alumnado adicou dúas sesións a crear carteis que amosan respecto cara a diversidade sexual.



  





Segue os links




Instrucións: 

Imos deseñar unha imaxe con  collage /técnica mixta. 
Fai un debuxo preliminar (nunha folla A3)
Hai que pensar un título sobre diversidade / non discriminación 
Empregando  diferentes texturas as encolaremos sobre o noso debuxo.
Ideas 


Visualizando os vídeos nos diferentes grupos
Traballando a ficha nos diferentes grupos




E xa temos os traballos 





























Ficha 2

O profesor Xosé Nieto Castro e a profesora Virginia González Ferro, ambos docentes de Xeografía e Historia, traballaron a ficha 2 na aula cos diversos grupos de 3º da ESO. 

Os obxectivos desta ficha son:

  • Contribuír aos procesos de sexuación da mocidade dun xeito positivo. 

  • Achegar e clarificar conceptos relacionados co feito sexual humano. 

  • Ampliar a visión da sexualidade no alumnado que favoreza actitudes e condutas saudables e respectuosas. 

  • Abrir unha canle de comunicación co profesorado respecto das dúbidas referentes á sexualidade que haxa na aula.

As cuestións principais que os rapaces e rapazas salientaron foron as seguintes:

  • Identidade sexual: unha persoa pode ter a identidade sexual que desexe sen que iso supoña ningunha "anomalía".

  • Do mesmo xeito, calquera é libre de sentir atracción por persoas de calquera identidade sexual.

  • Importancia do emprego dos métodos profilácticos para evitar transmisión de ITS e outras consecuencias non desexadas que poidan ter drásticas consecuencias sobre a vida das persoas (embarazos, etc.).

  • Extrema-la precaución respecto das ITS. Se alguén nota algo "raro" respecto do seu corpo, mellor ir ao médico canto antes. Importancia de facerse revisións médicas frecuentes.

  • Importancia da cuestión da privacidade persoal e moito coidado ca información que se comparte a través de redes sociais ou aplicacións de mensaxería.

  • Os perigos das tecnoloxías da información e da comunicación. Cómpre ter moito coidado con quen te relacionas, sobre todo a través de internet.

  • A artificialidade da pornografía. Non confundir ficción con realidade. Un produto de entretemento non é o mesmo que un produto educativo.

  • A cuestión da idade de consentimento sexual e os dilemas do paso da adolescencia á vida e o mundo dos adultos.

Foron unhas sesións moi completas e houbo un diálogo aberto nos grupos.